Historia do Santuario

No corazón de Galicia, nas terras polas que discorre o río que dá nome a esta comarca, o Deza, está situado o actual Santuario da nosa Señora de O Corpiño, na faldra do monte Carrio. As súas orixes remóntanse ó s. VIII, data na que vivía nesta montaña un ermitán de gran admiración polos habitantes do lugar, pois para eles era exemplo a súa vida de fe e gran devoción á Virxe María. Ante o seu falecemento, deciden levantar unha edificación sinxela e de humildes proporcións para albergar o seu incorrupto corpo. Tras a chegada dos árabes, o lugar foi lamentablemente abandonado ata chegar ao s. XII, data na que ocorre a aparición da Santísima Virxe María a uns pequenos pastorciños, texto que recollemos con todo detalle no apartado das aparicións.

O que anteriormente fora lugar de devoción ao ermitán, un home de especial sensibilidade cara á Nai de Deus, converteuse nun centro de peregrinación cara a Ela mesma, a Virxe María.Segundo consta no Libro de Fábrica do Santuario, o día 7 de setembro do ano 1740, visita o Santuario o arcediago de Deza, D. Juan Roque Gil, o cal manda “…compóñase e repare a xanela de San Caietano e se retelle devandito Santuario…”. Por iso, podemos dicir que o edificio é moi anterior á citada data, aínda que se ampliou e modificou en varias ocasións. Primeiro, entre os anos 1743 e 1768 erixiuse unha igrexa dunha soa nave. Entre o 1782 e 1803 ampliouse ata adoptar a planta de Cruz Latina. Entre 1867 e 1872 quedaría inserta nunha planta de salón, que levaría dúas novas naves laterais ás que se abriría acceso mediante varios arcos na nave central orixinal.

Como figuras relevantes na construción que hoxe admiramos, podemos citar aos mestres: Paulo Solla, Francisco Fíntela, Francisco Jozar e ao reitor Luís Fondevila, quen é o que consegue legarnos o trazado actual.l.